martes, 15 de abril de 2014

O IES Manuel Murguía de Arteixo copa os premios da categoría xuvenil do Festival CinEOI Coruña Curt




·  
Os alumnos de bacharelato do centro coruñés alzáronse cos catro premios da categoría na que participaban
·       As curtas premiadas foron 'Atrapados', 'Crónica dun secuestro', 'Días felices' e 'Vidas paralelas'

Os alumnos de bacharelato do IES Manuel Murguía de Arteixo demostraron o seu bo facer diante e detrás das cámaras no IV Festival CinEOI Coruña Curtas que se celebrou onte, xoves 10 de abril, na Escola Oficial de Idiomas da cidade herculina. O centro arteixán enviou ao concurso dez curtametraxes das cales catro foron premiadas.

Os traballos galardoados son 'Atrapados', 'Crónica dun secuestro anunciado', 'Vidas paralelas' e 'Días felices', que recibiron, respectivamente, o primeiro, segundo, terceiro e cuarto premio.

Os alumnos foron os responsables de todos os aspectos da creación das curtas: guión, rodaxe e mesmo a montaxe. Neste senso, o alumnado puido gozar do obradoiro de produción audiovisual Fala de raio,  que tivo lugar no seu centro e onde se trataron cuestións técnicas e artísticas. Así, por exemplo, Jorge Saavedra, director de series como 'Matalobos', tivo en xaneiro un encontro cos alumnos de primeiro de bacharelato para traballar con eles en cuestións relacionadas coa rodaxe audiovisual.

Os froitos desta formación reflectíronse positivamente na elevada participación do alumnado no Festival CinEOI. Agora, os responsables do IES Manuel Murguía queren recoñocer o esforzo dos rapaces cunha proxección da totalidade das curtas á volta das vacacións de Semana Santa. A data prevista para esta sesión especial é o luns 28 de abril e o lugar, o Centro Cívico de Arteixo.

Pódense ver todas as curtas presentadas polo instituto á categoría xuvenil no seguinte enlace do ENDL da EOI da Coruña. Son 'Atrapados', 'Crónica dun secuestro anunciado', 'Días felices',  'Vidas paralelas', 'A Herdanza', 'Armando', 'Broma a Timofónica', 'Galician Discovery', 'Pois xa que estamos...' e 'Un día sen auga'.



No hay comentarios:

Publicar un comentario