domingo, 1 de julio de 2012


Falece Tino Regueira, crítico e investigador de banda deseñada

O coruñés Tino Regueira, un destacado investigador e crítico da banda deseñada a nivel estatal, falecía onte na súa casa aos 44 anos de idade. Segundo sinala o guionista Carlos Portela, amigo do falecido, "foi unha persoa fundamental na historieta de finais dos 80 e comezos dos 90". Para alén de ter sido un dos máximos responsables da revista teórica Krazy Cómics e de asinar abondosos artigos sobre diferentes aspectos da novena arte, Regueira tamén é autor da obra Guía visual de la Editorial Bruguera (1940-1986). "Foi o primeiro en apostar polas guías visuais", lembra Portela. "Tiña un talento fóra de serie para a maquetación e mais para definir conceptos visuais".




"O seu traballo no fanzine Continuará na Coruña fíxose referencia, e logo uniu varias publicacións para botar a andar Krazy Cómics", explica Portela. A publicación tivo un carácter fundacional para a crítica da novena arte no Estado. "Estaban críticos e teóricos que logo pasaron a outras revistas coma El Maquinista ou U".

Canda a isto desenvolveu un importante traballo de dinamización arredor da BD, colaborando en diferentes editoras. "Era un namorado da historieta que lía de todo. Lía moito material foráneo e influíu para que se editasen certas obras que el coñecía de primeira man". Portela lembra os seus comezos "traballou no Quiosco de Rego de Auga, na Coruña, que cando non había tendas de cómic era punto de referencia na cidade".

Nos últimos tempos traballaba nunha ambiciosa historia da banda deseñada que o seu falecemento deixa inconclusa. Deixa tamén inédito un monumental traballo sobre a obra de Richard Corben e mais dous álbums de BD guionizados por el da serie Browning que viran parcialmente a luz na revista Creepy.


No hay comentarios:

Publicar un comentario